Tag Archive for punk

Proxección de «The Filth and The Fury» en A Cova dos Ratos

The Filth and The FuryMañá pola tarde proxectan na Cova dos Ratos (Romil, 3) «The Filth and The Fury» (Julien Temple, 2000) documental sobre a historia do lexendario grupo punk The Sex Pistols. Os Sex Pistols só duraron 26 meses e grabaron un único disco, así e todo cambiaron o panorama musical por completo. The Filth And The Fury é un irreverente, íntimo e estremecedor retrato do que quizais sexa o grupo de rock máis famoso de tódolos tempos.

O documental segue a ascensión do grupo dende as sucias rúas do Londres dos anos setenta, a súa crucifixión polos xornais sensacionalistas británicos e a súa canonización polos centos de miles de fans de todo o mundo ata o seu estalido final durante unha xira por Norteamérica. Ó longo dese camiño desmóntanse mitos, sáldanse contas pendentes e escóitanse por primeira vez as palabras do grupo que, dunha vez por todas, sae da sombra do que foi o seu egocéntrico representante, Malcolm McLaren. A película, que cuestiona o pano de fondo político, económico e cultural do Londres de mediados dos setenta -e que eu engadiría que é moi parecido ao que estamos vivindo hoxe aquí- evoca o que se converteu nun momento de transición clave da historia social inglesa.

A proxección dará comezo ás 20:15 e rematará sobre as 23:00. Como todas as actividades que organizan na Cova dos Ratos, a entrada é gratis. Déixovos co trailer (en inglés) para que vaiades abrindo boca.