Dende hoxe ata o domingo, os amantes do cine documental tedes unha cita inesquecible en Tui. A oitava edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc dará comezo hoxe pola tarde no Teatro Municipal de Tui. A presente edición está especialmente adicada á paisaxe e o cine autobiográfico.
Antonte na súa presentación, os directores do festival, Ángel Sánchez e Sara García, quixeron resaltar o compromiso do certame por “un cinema tan periférico e de difícil acceso como esencial”. Tales son os casos das obras dos cineastas invitados, Ross McElwee e Artavazd Pelechian. O primeiro, considerado un dos pais do documental autobiográfico contemporáneo nos Estados Unidos, virá acompañado do seu fillo para presentar Photographic Memory, na que reflexiona precisamente sobre as relacións paterno-filiais, ademáis de sete dos seus filmes máis representativos. Pola súa banda, o armenio Artavazd Pelechian, lenda viva do cinema soviético experimental, mostrará ao público a súa filmografía completa.
Play-Doc defínese tamén pola súa coidada sección oficial, na que cinco filmes competirán por un galardón de 5.000 euros. Entre elas temos a representante galega na sección, Vikingland, de Xurxo Chirro, un retrato da nosa diáspora a través dos ollos dun mariño mercante guardés. Play-Doc non se esquece do cinema do país, dedicándolle un espazo propio no que poderán descubrirse os últimos traballos de Sandra Sánchez, Lois Patiño e Ángel Santos.
- ¿Cando?: do mércores 21 ata o domingo 25, polas tardes-noites. Tedes aquí os horarios das proxeccións.
- ¿Onde?: no Teatro Municipal de Tui (R/Colón, 2).
- ¿Canto custa?: a entrada para cada sesión (cada un dos recadros dos horarios) custa 2€, e a entrada do concerto do sábado (Members of Morphine and Jeremy Lyons) na Sala Metropol custa 10€.
Deja una respuesta