Desde comezos de mes está a celebrarse en Pontevedra este salón do libro que xa vai pola décimoterceira edición e que nos ofrece unha morea de actividades de balde ou a prezos populares para pasar un día familiar. Este ano a temática do salón ten relación co número da edición, o 13: as supersticións, de onde veñen, a importancia dos números nos contos, a boa e mala sorte, e as historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.
Hai actividades no salón do libro a diario, pero nós imos centrarnos nas actividades do sábado. Moitas veces os que tedes pequenos ao voso cargo non sabedes a onde levalos e esta pode ser unha saída alternativa moi interesante. Supoñemos que pola semana poucos teredes tempo de trasladarvos ata Pontevedra e o domingo case non hai actividades (algún día tiñan que descansar).
No Pazo da Cultura de Pontevedra poderemos visitar varios espazos expositivos dos que destacamos a homenaxe ao escritor Paco Martín (autor de Das cousas de Ramón Lamote entre outros), traballos sobre contos populares dos centros de ensino de Pontevedra e unha exposición sobre ilustradores galegos. O Pazo da Cultura está aberto o sábado de 11 a 14 h e de 16.30 a 21 h e o domingo de 11 a 14 h.
Na Galería Sargadelos de Pontevedra podemos ver a exposición “Supersticións domésticas” de Alba Blanco. O sábado está aberta de 10 a 13.30 h.
Por outra parte durante o sábado hai concertos e actividades familiares tanto no Pazo da Cultura como nas rúas da cidade:
- 12:00 ”13″ concerto da Orquestra de Cámara de Lira na sala de exposicións do Pazo da Cultura
- 12:30 Obradoiro de maquillaxe de bruxas e bruxos na Praza de Curros Enríquez
- 17:00 Teatro: “A maxia e a menciña popular” de os Quinquilláns na sala de exposicións do Pazo da Cultura
- 18:30 Teatro: “Merlín” de Os Quinquilláns no Auditorio do Pazo da Cultura. (maiores de 5 anos). Entradas á venda 2 horas antes na billeteira do Pazo da Cultura. Prezo: 3,00€ por persona
- 20:00 Concerto “Meigas” da Banda de Música de Salcedo no Teatro Principal. (maiores de 10 anos) Entrada de balde ata completar aforo.
Déixovos aquí un mapa cos principais puntos de interese:
Ver Sábado no 13 Salón do Libro, Pontevedra en un mapa máis grande
*Preto do Pazo da Cultura tedes unha zona verde pegada ao Lérez na que se pode comer ao aire libre se o tempo acompaña, (que parece ser que o fará), levando un tupper ou uns bocatas podemos aforrar un pouco máis na viaxe.
Canto custa ir a Pontevedra?
En tren: hai dous tipos de tren que nos poden levar, un tarda 10 minutos máis en chegar pero é máis barato. Son o MD12520 (o barato) e o MD12414 (o caro) fixádevos ben ao coller os billetes. Nós falaremos do viaxe máis económico e de ida e volta. A estación de tren está a uns 15 minutos andando do centro de Pontevedra.
- O billete ordinario sinxelo sae por 2’65€, ida e volta por 5’3€.
- Se collemos ida e volta temos un 10% de desconto, 4’77€.
- Co Carné Xove (sendo menores de 26) un 20%, 4’24€.
- Os nenos entre 4 e 13 anos teñen un desconto do 40%, 1’6€.
- Os menores de 4 anos que non ocupen asento poden viaxar de balde.
En autobús: o único que temos claro da viaxe en bus é que o billete de ida custa 2’50€, pero a pesar de que consultamos por teléfono coa empresa Monbús a operadora non sabía a porcentaxe de desconto que facían coa ida e volta ou o desconto co Carné Xove (un cero á atención ao cliente de Monbus).
A estación de bus Pontevedra está tamén a 15 minutos do centro. En Vigo podes coller o bus na estación (Avda. de Madrid), os autobuses fan unha parada tamén en Travesía de Vigo 34. Algúns autobuses paran na rúa Areal 46 (Antigo Rectorado). Tedes a información dos horarios aquí.
En coche: A opción máis lóxica é empregar a autoestrada (tardamos 20 minutos menos aínda que teñamos que pagar peaxe). A peaxe de Vigo a Pontevedra e volta é de 6’3€ (1’26€ por ocupante se imos cheos) e hai que contar o carburante. A viaxe a Pontevedra ten truco: podes aforrar parte da peaxe se ao pasar de Rande pola saída de Cangas e ao chegar á rotonda de saída te metes de novo para Pontevedra, de este modo recibes un ticket na peaxe e ao chegar á peaxe de Pontevedra só pagas a viaxe de Cangas-Pontevedra (4’50 euros ida e volta, un aforro considerable). O mesmo para volver, na peaxe en Pontevedra pagas a viaxe ata Vigo, pero ao sair en Cangas recibes a diferencia no posto de peaxe e volves a entrar na autopista para ir a Vigo.


