No Nadal, un conto: historias para todas as idades ata o 4 de xaneiro
Este Nadal, o Centro de Interpretación da Oralidade ten preparadas máis de trinta actividades en dezaoito puntos da nosa cidade. Historias contadas para público familiar, para xente miúda e mesmo para bebés, pensadas para pór en valor a palabra falada e a lingua galega. Actividades atractivas, creativas e plásticas para os cativos, contos de moitas cores, do tranvía, de carteiros… creando por medio da oralidade momentos máxicos nos que deixar voar a imaxinación aproveitando os días libres das vacacións. Todas estas actividades serán de balde e na programación que vedes a continuación podedes atopar o nome de cada actividade, a idade recomendada e o enderezo de cada espazo no que se levará a cabo.
No Nadal, un conto: ata o 4 de xaneiro
A programación é similar á preparada para o programa “No verán… un conto”, pero dada a estación na que nos atopamos, todas as actividades son en espazos pechados como cafés, librarías e asociacións veciñais, polo que a entrada será libre ata completar aforamento.
Máis información en snl.vigo.org