Publicado el 4 de octubre de 2013 | por Fer Martínez
Outono de teatro todos os sábados ata o 9 de novembro en Redondela
O Concello de Redondela vén de presentar a programación cultural para o que queda de 2013. Os nosos veciños teñen unha programación moi completa que ademais será a prezos low cost. Xa esta semana comeza o ciclo, bautizado como Outonoteatro, que traerá ao Auditorio do Multiusos da Xunqueira unha representación teatral cada sábado desde o 5 de outubro ata o 9 de novembro a cargo de cinco compañías galegas e unha madrileña.
Sábado 5 de outubro: O método Grönholm de Talía Teatro
Na Sala de Reunións dunha empresa multinacional comparecen catro aspirantes a ocupar un cargo executivo importante. A razón da súa presenza alí é que todos eles foron convocados a unha última proba na que a Empresa decidirá quen dos catro é o elixido para o posto. A proba nesta ocasión vai ser conxunta realizándose polos catro aspirantes ao tempo. (+ info)
Sábado 12 de outubro: Misión Sapiens de Malasombra
Espectáculo de autoaxuda que en menos de dúas horas te transformará nun ser humano culto, educado e capaz de manter unha conversa sobre calquera tema sen quedar como un burro. Cinco grandes eruditos de diversos campos intentarán meter coñecementos dentro da túa cabeza, queiras ou non, polas boas ou polas malas. Coñecementos básicos de cultura xeral, comportamento e educación, música, libros, películas, deportes, viaxes. (+ info)
Sábado 19 de outubro: A tixola polo mango de Teatro do Noroeste
Monólogo no que se sente a rabia feminina sen case que apreciala, sutilmente. A actriz mantén co público unha distancia prudente, pero íntima. Ela faise querer, é un ser aparentemente nobre, unha desas mulleres con ideas doutra época e das que todos temos algunha referencia persoal, ela podería ser aquela tía lonxana, a nosa curmá a solteirona, a nosa aboa ou mesmo a nosa nai. O seu discurso encerra algo doutro tempo e, tamén, algo de verdadeira revolución feminina. (+ info)
Sábado 26 de outubro: Desfeitos de Teatro Galileo
A acción sitúase nun baño público de homes, no que conflúen tres individuos, dous homes e unha muller. Tres seres que establecen unha singular amizade nese singular espazo. Todos teñen unha historia oculta que vaise desvelando a través da obra. Utilizan este lugar nada convencional para atopar quen os escoite deixando caer as súas máscaras sociais pouco a pouco. Humor, suspense e moitas ganas de amor, nunha obra para reflexionar sobre os vínculos humanos. (+ info)
Sábado 2 de novembro: S.O.S. de Teatro El Zurdo
Cando un barco afunde sen remedio manda unha sinal de socorro cun S.O.S. e cando un ser humano afunde… que manda? Que facer con esa vía de auga permanente na alma? O mundo é un barco que afunde pero non hai botes salvavidas para todos. Non é un drama. É unha homenaxe á esperanza onde cada personaxe nada a contracorrente. (+ info)
Sábado 9 de novembro: Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro
Magnífica obra narrativa contada maxistralmente por Fernando Fernán Gómez e adaptada ao teatro con auténtica paixón. É a historia duns “cómicos da legua” que vivían na España de hai unhas décadas e que percorrían camiños poeirentos ateigados de pobreza, co obxectivo de levar un sorriso, un respiro ás penurias dunha poboación gris, marcada pola miseria e a fame. (+ info)
- Todas as obras serán representadas ás 20.00
Os prezos para este ciclo de teatro son moi económicos e a entrada individual custará 4€ para o público xeral e 2€ para estudantes e xubilados, tendo que acreditar esta condición en taquilla. Tamén hai a posibilidade de mercar un bono de 20€ para ver todas as obras ou de 10€ se somos estudantes ou xubilados. A venda anticipada de entradas comezará dous días antes de cada obra no propio auditorio e no día das representacións a taquilla abrirá dúas horas antes.
O Multiusos da Xunqueira está en Paseo da Xunqueira s/n, Redondela
- 986 402 865