6º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ata o 7 de setembro
A sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu dará comezo hoxe luns 2 e setembro celebrando este ano a máis internacional das seis edicións organizadas ata o momento. Entre as 25 cintas seleccionadas para a sección oficial atopamos 22 traballos estranxeiros. O FICBUEU2013 manterá unha estrutura semellante á do ano pasado, xa que entre o luns e o venres proxectaranse cinco curtas diarias, con entrada gratuíta. Haberá unha primeira sesión ás 20.00 e un segundo pase idéntico ás 22.15, a fin de reducir as longas colas que se producen ante a masiva afluencia de público.
Os asistentes recibirán unha ficha para decidir o premio do público. Ao tempo, disporán dunha quiniela para aventurar os títulos gañadores dos principais galardóns. As persoas que acerten as tres respostas disporán dunha butaca reservada na vindeira edición do festival e entrada de balde para o Cineclub ata final de ano. O sábado día 7 terá lugar a gala de peche na que, ademais dunha pequena sorpresa inicial, se inclúe a entrega de premios, a exhibición das obras gañadoras e a posterior festa de clausura no pub Aturuxo.
FICBUEU lévase a cabo no Centro Social do Mar de Bueu, na Avda. de Montero Ríos