Ponte… na escena, festival internacional de teatro lusófono en Gondomar do 24 ao 26 de maio
Ponte… na escena é o primeiro festival de teatro galego que presenta a obra de compañías brasileiras, galegas e portuguesas. Unha ponte necesaria que ofrece ao espectador a posibilidade de asistir a diferentes propostas escénicas contadas nunha mesma lingua con sotaques diferentes.
Un proxecto que une a proximidade cultural entre territorios que comparten unha expresión común. As obras serán representadas entre o 24 e o 26 de maio, cinco delas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar e unha no bar Catro Camiños.
Prezo das entradas, 4€. Bono de dous espectáculos, 6€
Venres 24 de maio
Verbum – Fahrenheit, de Limiar Teatro (Galicia)
Dous presos que comparten un mesmo delito: ler nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados. Unha sociedade na que os libros son preservados na clandestinidade. No lugar cada persoa toma o nome do libro que aprende e protexe na súa memoria. Esta obra está creada a partir de textos de cen autores de toda a lusofonía constituíndo unha homenaxe ás expresións da literatura na lingua galego-portuguesa.
- Ás 20.00
- Auditorio Lois Tobío
Amor ao Tarantino, de 8mm (Galicia)
Peza de 40 minutos onde o espectador está mergullado nun ambiente de teatro-cine a unha curta distancia do actor. Comedia macabra nun formato de encadernación teatral ao rústico, barato e de consumo popular.
- Ás 23.00
- Catro Camiños
- Entrada gratuíta
Sábado 25 de maio
Quando se abrem os guarda chuvas, de Fafe Cidade das Artes e Cía. Farándula (Brasil)
Conceição é unha señora de 77 anos, que vive, na monotonía da vida, a lembranza dun tempo que pasou e a realidade dun presente solitario. Inesperadamente, recibe unha chamada dun amor da xuventude, que pode mudar o futuro que aínda lle resta…
Olympia, de Teatro Andante (Brasil)
Espectáculo baseado na historia da andarilla máis famosa do Brasil que viviu en Ouro Preto. Nun primoroso traballo corporal e vocal, a actriz utiliza diversas técnicas do teatro contemporáneo, para transitar entre a narradora, o personaxe, a máscara e a propia actriz que se revela en escena.
- 20.00 e 22.00
- Auditorio Lois Tobío
Domingo 26 de maio
Labirinto de amor e morte, de Fafe Cidade das Artes (Portugal)
Un mergullo no universo feminino, nos labirintos e contradicións do amor, da vida e da morte, da creación e a destrución. Un texto que se aventura no interior da muller. De coñecemento e recoñecemento da muller. Un espectáculo experimental, despido de artificios, onde a teatralidade se diluíu nas memorias das vivencias do espectador.
A visita, de Teatro Invisível (Portugal)
Drama sobre a descentralización e o abandono das zonas rurais. Unha traxicomedia que revela a necesidade de reconquista dunha identidade que está a ser ameazada pola globalización. Neste espectáculo, o actor fai un profundo mergullo na alma do personaxe e contamina ao espectador polas visións emocionais e poéticas que consigue transmitir.
- Ás 20.00 e 22.00
- Auditorio Lois Tobío
Máis información
- Venda anticipada de entradas en servinova.com
- informacion@pontenasondas.org 615 029 840
- Auditorio Lois Tobío de Gondomar (MAPA)
- Catro Camiños (MAPA)