Obradoiros gratuítos de comunicación oral e escrita creativa en galego do 15 ao 18 de abril
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza para a vindeira semana dous obradoiros relacionados coa expresión oral e escrita. Ambos obradoiros son de balde e están dirixidos a persoas adultas. Serán impartidos no IME, Instituto Municipal de Educación, no camiño do Chouzo, preto da praza da Industria. O prazo de inscrición xa está aberto para ambos cursos.
Obradoiro de escrita creativa impartido polo escritor Francisco Castro
Dirixido a persoas ás que lles gusta escribir. Este está concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa, quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel o que hai na súa imaxinación, literaturizar a súa vida ou xogar a crear mundos coas palabras. Todas as persoas que participen terán a ocasión de escribir poemas, relatos, contos dende o primeiro momento e sempre partindo de actividades moi sorprendentes.
- Luns 15 e mércores 17 de abril de 17.00 a 19.00
Obradoiro de comunicación oral impartido pola actriz Uxía Blanco
Aprende a seducir coa voz. Farase un achegamento a como comunicarnos en público: vencer o medo ao micrófono, como modular a voz ou ordenar o discurso. Falarase sobre a importancia da linguaxe non verbal, a presenza e a brevidade. Partindo dende a lingua de noso, lingua que ten un valor engadido xa que nos permite comunicarnos con 240 millóns de persoas pertencentes a lusofonía. Asemade, venceranse prexuízos como “no hablo en gallego, porque no lo hablo bien” ou “en galego só nos entenden a xente de aquí”.
- Martes 16 e xoves 18 de abril de 17.30 a 20.00
Inscrición no 986 810 281 de 9.00 a 13.00
- Máis información en xornal.vigo.org
- Instituto Municipal de Educación en Camiño do Chouzo, 2