Charla “Historia das mulleres en Galicia: a Idade Moderna”
Ofelia Rey Castelao, catedrática na Universidade de Santiago de Compostela, será a relatora da charla sobre a Idade Moderna do ciclo “Historia das Mulleres en Galicia” que programa a concellería de Igualdade. A través do libro sobre a “Idade Moderna” do que é coautora dáse unha visión sintética da traxectoria histórica das mulleres que viviron na Galicia dos séculos XVI a XVIII.
Na primeira parte expóñense as fontes de información nas que se asenta a investigación hoxe en día e o marco legal que afectaba as mulleres, para logo dar a coñecer cal era o seu papel na vida familiar e económica, as diferenzas sociais entre unhas e outras, o seu acceso á educación e á cultura, ou as súas prácticas relixiosas. Remátase a obra con un repaso xeral a como as galegas eran vistas desde fóra de Galicia ou por parte dos propios galegos, e cun conxunto de textos e referencias bibliográficas que poidan ser útiles ao público lector.
- Cando? Hoxe martes 22 de maio ás 19:00
- Onde? Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo. Biblioteca Central. R/ Joaquín Yáñez, 6. Casco Vello.
- Entrada libre atra completar aforamento
Contacto: centro.documentacion.feminista@vigo.org ou 986 229 074